Contexto

Investigadoras responsables da actividade

 

O patrimonio xeolóxico está formado por elementos xeolóxicos cuxa singularidade esperta o interese científico e didáctico. Forma parte do patrimonio natural e inclúe formas, elementos e/ou estruturas orixinadas por calquera proceso xeolóxico que se describen baixo as variadas disciplinas da xeoloxía: xeomorfoloxía, estratigrafía, tectónica, petroloxía, mineraloxía, paleontoloxía, hidroxeoloxía, xeoloxía ambiental etc.

O coñecemento da singularidade xeolóxica dunha zona permítelle á sociedade coñecer de maneira directa unha parte da historia e da evolución do planeta. Pero, ademais, este coñecemento forma parte do patrimonio cultural das sociedades, xa que a contorna onde habitamos, a relación que establecemos co territorio e coa paisaxe e o acceso aos recursos para a nosa supervivencia están moi influídas pola xeoloxía local (figura 1). Por iso é importante o estudo das singularidades xeolóxicas dun lugar e da súa vinculación coa cultura, a natureza e o tecido socioeconómico, xa que, ademais de contribuír ao coñecemento da historia do noso planeta, se reforza a identidade cultural das persoas e dos pobos que habitan esa zona. O patrimonio xeolóxico pode constituír tamén un importante recurso para o desenvolvemento sustentable no medio rural a través da creación de xeoparques e xeositios que fomentan un turismo responsable e sustentable, e impulsan a divulgación do patrimonio xeolóxico nun contexto de unión entre coñecemento científico e sociedade.

Figura 1. Un exemplo de como a xeoloxía do lugar (neste caso, o tipo de disxunción do granito, en grandes bolos) intégrase na arquitectura e uso do solo. Paredes de Coura-Portugal. Fotografía de Teresa Rivas.

O patrimonio xeolóxico consta dunha parte material, é dicir, os elementos que o integran, e unha parte inmaterial, que se corresponde co valor que posúen eses elementos e que nos axudará a saber que podemos facer con eles, cal vai ser a prioridade na súa xestión e como podemos actuar para conservalos. Polo tanto, o estudo do patrimonio xeolóxico dunha zona consta de dúas fases (figura 2): 1) fase de inventario dos elementos de interese e 2) fase de valoración.

  • 1. Fase de inventario dos lugares de interese xeolóxico

A fase de inventario consiste na clasificación e na documentación de todos e cada un dos posibles elementos de interese xeolóxico da zona. Os lugares de interese xeolóxico poden clasificarse en diferentes categorías: de tipo estratigráfico (típicos de áreas de rochas sedimentarias estratificadas), de tipo estrutural (en áreas metamórficas, nas que podemos atopar dobras ou fallas), de tipo petrográfico ou mineralóxico (no caso de que existan na zona rochas ou minerais singulares, pouco frecuentes, ou que posúan moito valor ornamental), de tipo xeomorfolóxico (volcáns, glaciares, formas de sedimentación eólica, praias, dunas…), de tipo hidroxeolóxico (definidos pola acción das augas superficiais ou subterráneas, por exemplo, termalismo), de tipo paleontolóxico (rochas con fósiles), de tipo edafolóxico (que dean lugar a chans ou horizontes edáficos singulares), de tipo xeomorfolóxico (por exemplo, as diferentes formas de disxunción ou afloramento das rochas ígneas poden xerar paisaxes moi singulares, figura 3) e de tipo mineiro.

Figura 3. Disxunción en bolos do granito de gran gordo que aflora en O Porriño (coñecido como Rosa Porriño), xerando unha paisaxe singular. Fotografía de Teresa Rivas

Cada un dos elementos, unha vez identificado, descríbese e documéntase utilizando diferentes fontes: a observación, descrición e medida en campo, fontes históricas, entrevistas con xente do lugar, cartografía xeolóxica, cartografía mineira, cartografía metalúrxica…

  •   2. Fase de valoración dos lugares de interese xeolóxico

A segunda fase é darlle un valor a ese elemento de interese xeolóxico; aínda que podemos atopar diferentes metodoloxías na bibliografía, todas teñen en común que miden propiedades intrínsecas e obxectivas (deixan fóra as opinións e só valoran aspectos obxectivos) de tres tipos: 1) o valor científico, é dicir, o grao en que o elemento xeolóxico achega información sobre a xeoloxía rexional (orixinalidade, relevancia, rareza) e como se asocia con outros elementos do medio, como a natureza, a paisaxe e o patrimonio arqueolóxico (figura 4), histórico-artístico, etnográfico (figura 5) e arquitectónico; 2) a potencialidade do uso, é dicir, ata que punto ese elemento xeolóxico está integrado na identidade da poboación do lugar: grao de coñecemento dese sitio por parte da xente, grao de investigación, relación do elemento con algunha expresión socioeconómica ou cultural do lugar, proximidade á poboación, visibilidade, accesibilidade, interese didáctico (figura 6)…; e 3) risco de deterioración. Neste terceiro punto valórase o impacto que algúns aspectos provocan no elemento xeolóxico: o uso actual do chan (agrícola, gandeiro, mineiro, urbano, vertedoiros…), o tipo de explotación industrial e económica do lugar, se existe risco de espolio, o efecto do cambio climático (ascenso do nivel do mar, temperatura da auga do mar) e outros riscos non antrópicos; por exemplo, os fenómenos xeodinámicos externos e internos, a flora e a fauna.

Figura 4. A estreitaa relación entre a xeoloxía e a arqueoloxía ten a  súa expresión máis clara na arte rupestre. Petroglifos de Laxe Escrita, Carnota.  Fotografía de Teresa Rivas
Figura 5. Os valados de lindes de fincas son as veces reflexo da xeodiversidade (variedade de materiais rocosos) da zona e dos elementos que configuran a paisaje. Cascata do Pincho, Amonde, Portugal. Fotografía de Teresa Rivas.
Figura 6. En moitas praias de Galicia, ademais de desfrutar do mar, podemos aprender moito da xeoloxía da zona; nesta cala de Mar de Lira (Carnota), as ondas do mar  favoreceron a formación dun pracer sedimentario formado por pequenos grans de granate que proceden da meteorización das rochas circundantes e que pintan de vermello un dos seus extremos. Fotografía de Teresa Rivas.

Proposta de protección e explotación

Unha vez identificado o elemento, documentado e valorado, pásase á última fase do proceso, que é a proposta de protección do recurso xeolóxico e do tipo de explotación sustentable deste. É importante sinalar que o éxito das medidas de conservación ou de explotación depende do ben que se realizou a catalogación e a valoración dos elementos xeolóxicos. Os usos finais máis estendidos e de maior aplicación son os turísticos, recreativos, científicos e didácticos; a posta en marcha destes usos debe realizarse con apoio institucional e sempre contando coas asociacións locais e, especialmente, o ámbito educativo e científico.

Séguenos nas Redes!

Actividade: descobre o patrimonio xeolóxico e mineiro da túa contorna

Materiais que inclúe o lote

  1. Ficha de descrición do lugar de interese xeolóxico (LGI).
  2. Ficha de valoración do lugar de interese xeolóxico.
  3.  Acceso á cartografía xeolóxica (E 1:50.000), metaloxenética (E 1:200.000), de rochas industriais (E 1:200.000) e depatrimonio mineiro de Galicia (E 1:500.000) elaborados polo IGME.
  4. Lupa (ou compás de campo).
  5. Regreta de referencia de escala para a documentación fotográfica.

Material para descargar

Táboas

Mapas

Material que terá que dispor o IES

  1. Asesoramento para acceder a fontes de información local e a datos socioeconómicos e culturais locais.
  2. Apoio na descrición do elemento durante a visita en campo e supervisión durante a documentación fotográfica.
  3. Cámaras fotográficas ou dos móbiles. É suficiente a calidade das cámaras fotográficas dos propios móbiles do alumnado.

Procedemento

A caixa contén todos os recursos para levar a cabo as catro fases de estudo do patrimonio xeolóxico.
Recoméndase limitar a superficie de estudo á área parroquia-concello onde sesitúe o IES.

  • Fase 1. Descrición do sitio de interese xeolóxico. Esta fase desenvólvese en dúas etapas diferenciadas:
  • a) Investigación e identificación dos elementos de interese xeolóxico da zona usando fontes locais (web do concello, asociacións de veciñanza, asociacións culturais), entrevistas á xente do lugar, fontes de información socioeconómica do concello (industrias, fábricas, minas, canteiras…).
  • b) Descrición dos elementos xeolóxicos. Para isto, utilizarase a Táboa de Descrición que pode descargarse na web do proxecto; tentarase responder á todas as cuestións que sexa posible utilizando a
    información recollida na fase previa de investigación e tamén a obtida na observación do elemento durante unha visita de campo. Na visita de campo pódese utilizar a lupa que conten a caixa para describir microtexturas ou para tentar identificar minerais pola cor ou o hábito. Na táboa de descrición é preciso incorporar polo menos tres fotografías do elemento de interese xeolóxico que deberán estar correctamente referenciadas en canto o tamaño do obxecto que se fotografía, especialmente aquelas imaxes tomadas a corta distancia; para este fin, a caixa contén unha escala gráfica de referencia.
  • Fase 2. Nesta terceira fase valórase cada elemento de interese xeolóxico segundo diferentes criterios: singularidade, representatividade, accesibilidade, contido didáctico, potencialidade de explotación turística, impacto socioeconómico na poboación, etc… Para isto, utilízase a Táboa de Valoración que se pode descargar na web do proxecto.

Resultados esperables

  1. Inventario dos lugares de interese xeolóxico da zona, con datos descritivos e documentación fotográfica.
  2. Proposta de explotación e protección.
  3. Folleto individualizado para cada elemento de interese xeolóxico que recolla toda a información recompilada e xerada.

Referencias bibliográficas ou webs que poidan resultar de interese para o alumnado

Páxinas web

Documentos divulgativos

Documentos científicos

  • García-Cortés A., Vegas J., Carcavilla L. e Díaz-Martínez E. Bases conceptuales y metodología del inventario español de lugares de interés geológico (IELIG). Instituto Geológico y Minero de España (Pub.) 2019. ISBN: 978-84-9138-092-4.
  • Colegial, J. D., Pisciotti, G., Uribe, E. Metodologia para la definición, evaluación y valoración del patrimonio geológico y su aplicación en la geomorfología glaciar de Santander (municipio de Vetas). Boletín de Geología Vol. 24, núm. 39, xaneiro-xuño de 2002.
  • Sánchez-Ferris E. J., Fierro-Bandera I., Aberasturi-Rodríguez A., Navarro-Pedreño J., Montoya-Belló P. La valoración del patrimonio geológico y paleontológico como herramienta de gestión: el Modelo FOPALI. Spanish journal of palaeontology Vol. 34, núm. 1, 2019.
Séguenos nas Redes!