Proxecto: A Caixa Sostible
Código: FCT-21-16592
Total concedido: 47.654,88 euros
Total concedido pola Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT) do Ministerio de Ciencia e  Innovación: 14.500 euros
Duración: 1 ano
Data de inicio: 01/07/2022
Data de terminación: 30/06/2023

A concienciación da nosa mocidade de que a enxeñaría e a ciencia son uns dos motores transformadores da sociedade é de carácter fundamental para alcanzar os Obxectivos de Desenvolvemento Sostible (ODS) da Axenda 2030 e mellorar desta maneira a calidade de vida e a sustentabilidade do planeta. Co obxectivo de amosar a necesidade dun emprego sostible da enerxía e dos recursos mineiros dende unha perspectiva máis local, un equipo integrado por persoal docente e investigador da Escola de Enxeñería de Minas e Enerxía da Universidade de Vigo propón o proxecto A CAIXA SOSTIBLE, no que deseñamos unha caixa que se enviamos a 40 institutos galegos de educación secundaria que manifestaron interese.

Esta caixa conta con 5 actividades encamiñadas á determinación da pegada de carbono, eficiencia enerxética, eficiencia luminosa, a calidade das augas e a posta en valor do patrimonio xeolóxico da contorna. Cada unha destas actividades, ten un compartimento dentro da caixa onde se inclúe o material e a información necesarios para o seu desenvolvemento. A caixa será recibida polo profesorado encargado do centro educativo que, co apoio do persoal da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía titorizará ao estudantado en cada unha das actividades.

Esta caixa pasa a ser propiedade do centro educativo, polo que as actividades propostas poderán replicarse en cursos próximos.

Polo tanto, A Caixa Sostible axudará a espertar e incentivar vocacións STEAM entre o alumnado que participe neste proxecto. As actividades propostas pódense enmarcar nos ODS 4, 6, 7 e 11 e as súas correspondentes metas:

  • ODS 4. Garantir unha educación inclusiva, equitativa e de calidade e promover oportunidades de aprendizaxe durante toda a vida.

Meta 4.7. Asegurar que todos o alumnado adquira os coñecementos teóricos e prácticos necesarios para promover o Desenvolvemento Sostible, entre outras cousas mediante a educación para o Desenvolvemento Sostible e os estilos de vida sostibles, os dereitos humanos, a igualdade de xénero, a promoción dunha cultura de paz e non violencia, a cidadanía mundial e a valoración da diversidade cultural e a contribución da cultura ao Desenvolvemento Sostible.

  • ODS 6. Garantir a dispoñibilidade de auga e a súa xestión sostible e o saneamento para todos.

Meta 6.3. Mellorar a calidade da auga reducindo a contaminación, eliminando a vertedura e minimizando a emisión de produtos químicos e materiais perigosos, reducindo á metade a porcentaxe de augas residuais sen tratar e aumentando considerablemente a reciclaxe e a reutilización sen riscos a nivel mundial.

  • ODS 7. Garantir o acceso a unha enerxía alcanzable, segura, sostible e moderna.

Meta 7.3. Duplicar a taxa mundial de mellora da eficiencia enerxética.

  • ODS 11. Lograr que as cidades sexan máis inclusivas, seguras, resilientes e sostibles.

Meta 11.4. Redobrar os esforzos para protexer e salvagardar o patrimonio cultural e natural do mundo.

Meta 11.6. Reducir o impacto ambiental negativo per cápita das cidades, incluso prestando especial atención á calidade do aire e a xestión dos refugallos municipais e doutro tipo.

Este proxecto é cofinanciado pola Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía e o Consello Social da Universidade de Vigo e o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España. Conta, coa colaboración da Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía do Ministerio de Ciencia e  Innovación. Tamén recibe o apoio de ENCIGA (Ensinantes de Ciencias de Galicia).

Obxectivo principal do proxecto:

O obxectivo principal do proxecto é fomentar ou espertar vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario (concretamente 4º ESO e bacharelato), mediante a implicación do alumnado e profesorado dos centros da comunidade galega no desenvolvemento de cinco actividades guiadas, de tipo experimental, relacionadas con:

  1. A pegada de carbono
  2. A eficiencia enerxética do seu instituto
  3. A eficiencia luminosa do seu instituto e municipio
  4. A calidade das súas augas
  5. A posta en valor do patrimonio xeolóxico da súa contorna

Estas actividades permitirán que alumnado, profesorado, familias e veciñanzas coñezan o nivel de sustentabilidade que presentan os seus institutos e municipios, a calidade das súas augas, o tipo de emprego que se fai dos recursos minerais e rochas e a posibilidade que utilizar o seu patrimonio xeolóxico-arqueolóxico como recurso económico.

Séguenos nas Redes!