Contexto

Investigadores responsables da actividade

Efecto invernadoiro e cambio climático

Os gases de efecto invernadoiro

O efecto invernadoiro é un fenómeno natural mediante o que se consegue reter parte da enerxía solar que incide sobre a Terra entre a súa superficie e a atmosfera, de maneira que é posible manter a temperatura da superficie terrestre ao redor de 15°C (o que fai posible a vida no noso planeta).

Os principais responsables deste efecto son os denominados gases de efecto invernadoiro (GEI), substancias que, en maior parte, se atopan de forma natural na atmosfera.

Efecto invernadoiro e actores responsables


De entre todos os GEI, o vapor de auga (nubes) é o de maior contribución ao efecto invernadoiro natural, xa que a súa concentración atmosférica está directamente relacionada co clima e co ciclo da auga. Con todo, a presenza do resto de compoñentes queda supeditada a algunhas actividades realizadas polo ser humano. Destacan, entre elas, a queima de combustibles fósiles para producir enerxía e a utilización de certas substancias químicas (fertilizantes, refrixerantes, aerosois etc.).

Como cabe esperar, un aumento da concentración de GEI na atmosfera (especialmente das especies asociadas á actividade humana) induce unha maior retención de enerxía na capa gasosa que envolve a codia terrestre, o que provoca un incremento da temperatura media da súa superficie.

Desde a época da Revolución Industrial (século xviii), as emisións de GEI de orixe antropoxénica creceron de forma exponencial. Como resultado, a temperatura media da superficie terrestre disparouse ata alcanzar niveis totalmente insustentables para o medio ambiente e trouxo consigo consecuencias devastadoras: cambio climático, destrución de ecosistemas, extinción de especies, desxeo de casquetes polares etc.

Resposta gobernamental

Ante esta alarmante situación e a evidencia de tal catástrofe ambiental, algúns dos organismos internacionais de maior entidade (ONU) deciden tomar cartas no asunto. Das iniciativas de maior impacto destaca o Protocolo de Kioto, un acordo asinado por máis de 140 países no que se propón a implantación de políticas ambientais co fin de reducir de forma significativa a emisión de GEI no mundo.

Os GEI para reducir segundo o Protocolo de Kioto son dióxido de carbono (CO2), metano (CH4), óxido nitroso (N2O), e gases fluorados (hidrofluorocarbonos –HFC–, perfluorocarbonos –PFC– e hexafluoruro de xofre –SF6).

A partir do Protocolo de Kioto establécense uns niveis máximos de emisións de GEI para cada país participante. Ademais, todos eles están suxeitos a un rigoroso sistema de seguimento e de control para evitar accións que infrinxan as normas establecidas polo protocolo.

Que é a pegada de carbono?

A pegada de carbono (PdC) representa a cantidade de emisións de GEI que son liberadas á atmosfera como consecuencia do desenvolvemento de calquera actividade. Este parámetro permítenos identificar todas as fontes de emisións de GEI e, por tanto, establecer medidas de redución efectivas.

O enfoque do cálculo da PdC varía en función do sistema que se vaia analizar. Por exemplo, pódese aplicar a unha entidade ou organización, ao ciclo de vida dun produto ou á organización dun evento. Neste caso, centrarémonos na PdC dunha organización.

En que unidades se mide a PdC?

A PdC mídese en toneladas de CO2 equivalentes emitidas. Tómase como referencia o CO2, xa que é dos GEI que se atopa en maior proporción na atmosfera. Para traducir os valores de emisións doutros GEI a CO2 emprégase un factor de conversión denominado PCA (potencial de quecemento atmosférico). O PCA describe a contribución ao efecto invernadoiro («grao de dano á atmosfera») dunha unidade (1 kg) dun determinado GEI en relación cunha unidade (1 kg) de CO2 durante un período de tempo determinado. Para que vos fagades unha idea, o PCA do metano a 100 anos é de 28, o do óxido nitroso é de 265 e o dalgúns compostos fluorados como o SF6 ascende a 23 500 (!!).

Alcances ou tipo de emisións de GEI

Os «alcances» agrupan as diferentes fontes emisoras de GEI que poden estar asociadas a unha organización. Defínense tres alcances:

  • Alcance 1: emisións directas de GEI que se orixinan in situ no lugar no que se produce a actividade. Inclúe as emisións asociadas ao uso de combustibles fósiles (caldeiras, fornos, desprazamento en vehículos etc.) en instalacións que son propiedade da entidade. Tamén engloba as chamadas emisións fuxitivas (asociadas a recargas de refrixerantes en sistemas de aire acondicionado, por exemplo).
  • Alcance 2: emisións indirectas de GEI asociadas á xeración de electricidade que é adquirida (comprada externamente) e consumida pola entidade ou pola empresa.
  • Alcance 3: outras emisións indirectas. Exemplos deste grupo son a extracción e a produción de materiais que se utilizan, transporte mediante medios externos e outras actividades realizadas por terceiros, pero das que a entidade se beneficia.
Tipos de GEI segundo o seu alcance. Fonte GHG Protocol


Como podemos conseguir unha PdC neutra?

Fase 1. Cálculo: determinación das emisións de GEI e identificación das fontes que máis contribúen á PdC. É indispensable coñecer o nivel de emisións de partida e a súa procedencia para poder atacalas de forma efectiva.

Como se cuantifican as emisións?
É posible determinalas a partir da medición directa con analizadores de gases. Tamén se pode determinar mediante un cálculo indirecto a partir de datos dos consumos (combustibles, electricidade etc.) e un factor de emisión que é característico para cada un deles.

O máis habitual é centrarse nos alcances 1 e 2, dada a complexidade de obtención de datos para calcular o terceiro.

Fase 2. Redución: implementación de solucións que permitan minimizar a emisión de GEI. A maior parte delas pasan pola substitución das fontes de enerxía existentes por renovables, uso de vehículos eléctricos, mellora das envolventes dos edificios etc.

Fase 3. Compensación: se mediante as medidas de redución non somos capaces de neutralizar a emisión de GEI, entón óptase por fomentar actividades cuxo obxectivo sexa absorber ese «excedente» de CO2 equivalente. E cal é a maneira máis sinxela de volvelo capturar? Plantando árbores! En efecto, as especies vexetais son uns grandes sumidoiros de carbono, que necesitan CO2 para realizar a fotosíntese. Polo tanto, mediante o apoio a proxectos de reforestación estariamos a contribuír á redución da PdC.

Pasos que cómpre seguir para conseguir unha PdC neutra

 

Séguenos nas Redes!

Actividade: cálculo da pegada de carbono

Material que se inclúe no lote

Guía rápida de uso da folla de cálculo.

Material para descargar

Material que terá que dispoñer o IES

PC con paquete de software para ofimática (folla de cálculo). Válenos tanto Libre Office coma Microsoft Office (incluiremos as follas de cálculo das dúas).

Para o cálculo da PdC:

  • Información sobre os sistemas que emprega o centro para cubrir as demandas de calefacción e ACS.
    • Cubertos con sistemas de combustión (caldeira de gasóleo/gas natural ou similar): datos de consumos dos últimos anos. Na súa falta, información sobre o histórico de subministración de combustible para que o alumnado faga unha estimación.
    • Cubertos con renovables: enerxía xerada mediante renovables durante os últimos anos. Ano de implantación da medida.
    • Cubertos con sistemas eléctricos: non aplica.
  • Se os houbese, información sobre consumos de combustible dos vehículos propios do centro. Na súa falta, información que permita realizar unha estimación del (quilometraxe e modelo dos vehículos).
  • Datos de consumos eléctricos do último ano (facturas).

Procedemento

  1. Recompilación dos datos de consumos de combustibles e electricidade do último ano.
  2. Cubrir os datos requiridos pola folla de cálculo. Inclúese unha guía de uso detallada (ligazón na web e/ou QR na caixa).
  3. Análise de resultados.
  4. Propostas de mellora e avaliación da súa adecuación.
  5. Compensación do excedente de CO2: selección dun proxecto de absorción.

Resultados esperables

Espérase que o alumnado, ademais de calcular a PdC do centro para o último ano, sexa capaz de propor medidas de mellora que impliquen unha redución dela. Sería interesante que volvesen calcular a PdC incorporando algunha desas propostas para analizar o nivel de avance esperable.

Proponse, como actividade extra, o estudo da evolución da PdC ao longo de varios anos e avaliar, no caso de que se implantasen algunhas medidas, o nivel de mellora que estas supuxeron.

Terase en conta tamén que o alumnado investigue un pouco sobre os proxectos de compensación de CO2, a viabilidade de compensar a súa PdC para lograr unha PdC neutra. Na sección de bibliografía inclúense algunhas ligazóns de interese aos proxectos de absorción de CO2 que se están realizando neste momento no ámbito nacional.

Referencias bibliográficas ou webs que poidan resultar de interese para o alumnado

 

Séguenos nas Redes!