40 institutos de toda Galicia únense ao proxecto A Caixa Sostible da Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía

A Caixa Sostible

Despois de varios meses de traballo previo, a Escola de Enxeñaría de Minas e Enerxía está a comezar esta semana o envío das Caixas Sostibles a arredor de 40 institutos de toda Galicia. Dentro de cada unha das caixas hai material didáctico e experiencial para levar a cabo cinco experimentos que xiran arredor da sostibilidade e o medio ambiente. Trátase de que as e os estudantes dos centros que se adheriron a esta proposta realicen estes experimentos, titorizados polos seus profesores, ao longo de cinco meses.

Este é un proxecto impulsado por un grupo de 11 docentes e investigadores da escola e coordinado polo subdirector Santiago Pozo, que ten como obxectivo fomentar ou espertar vocacións científico-técnicas no ámbito educativo preuniversitario. Para isto, contan coa colaboración da Fundación Española para la Ciencia y la Tecnología do Ministerio de Ciencia e Innovación e o cofinanciamento da EEME, do Consello Social da UVigo e do Colexio Oficial de Enxeñeiros de Minas do Noroeste de España, así como co apoio de Enciga (Ensinantes de Ciencias de Galicia) e da plataforma Minería Sostible.

Santiago Pozo presentando o proxecto na ENCIGA

Como explica Santiago Pozo, o que buscan é “amosar a necesidade dun emprego sostible da enerxía e dos recursos mineiros dende unha perspectiva máis local” e para iso optaron por deseñar e crear unha caixa que contén o material preciso para a realización de cinco actividades guiadas, de tipo experimental. Así, as e os alumnos co apoio do seu profesorado, poderán realizar experimentos como o cálculo da pegada de carbono, a estimación das infiltracións nun edificio empregando curvas de decaemento de CO2, a análise espectral da iluminación artificial pública e privada, a determinación da calidade das augas ou a avaliación do potencial xeolóxico e mineiro de contorna.

Estas actividades, resume Pozo, “permitirán que alumnado, profesorado, familias e veciñanza coñezan o nivel de sustentabilidade que presentan os seus institutos e municipios, a calidade das súas augas, o tipo de emprego que se fai dos recursos minerais e rochas e a posibilidade de utilizar o seu patrimonio xeolóxico-arqueolóxico como recurso económico”. Deste xeito dotaranse de ferramentas que lles permitirán avaliar dunha maneira sinxela o grao de eficiencia que presentan as vivendas, industrias, luminarias, automóbiles, etc. e ao tempo tomarán conciencia da necesidade de adoptar medidas para reducir o consumo de enerxía sen desperdiciala.

Metodoloxía de traballo

O proxecto artéllase arredor de dous soportes fundamentais: por unha banda, as caixas que se lle envían aos centros e a páxina web do proxecto.  Con respecto á caixa, comprende cinco compartimentos, un para cada proposta de actividade, nos que se inclúe o material e a información necesarios para a comprensión teórica dos conceptos relacionados e o desenvolvemento da parte experimental. Ademais, inclúe cadanseu código QR que redirecciona á sección correspondente da devandita actividade na páxina web, onde poderán atopar información máis pormenorizada.

Cada queixiño conten diferentes materiais para levar a cabo cada actividade

A pesar de que a caixa pasa a ser propiedade do centro, o alumnado dispón de cinco meses para completar as actividades. Ao final, o centro enviará un póster resumo dos resultados máis salientables de cada actividade ao equipo investigador con fin de elaborar unha publicación e unha exposición itinerante que estará dispoñible para os centros.

Noticia publicada no DUVI